Como se Finacia Acampa
Pola paz e o dereito a refuxioA atención ás persoas refuxiadas que nestes intres centra o esforzo das organizacións e das persoas comprometidas pode acometerse de varios xeitos: a cobertura directa das súas necesidades básicas e tamén, e fundamental, a presión cidadá sobre os gobernos que deben cumprir os seus compromisos de acollemento das persoas refuxiadas que, en moitos casos, levan meses e meses esperando unha oportunidade para vivir de xeito independente. O que as persoas refuxiadas demandan é a paz para regresar ás súas vidas, e, mentres iso non poida ser, unha oportunidade para reiniciaren unha vida sobre a base do seu propio traballo. Esta iniciativa de presión cidadá/política é fundamental para reverter a situación de abandono institucional.
Para poñer o foco mediático sobre a crise humanitaria das persoas refuxiadas e chegar a unha porcentaxe alta do tecido social, organizamos un encontro entre a cidadanía, as vítimas, as ong, voluntarios e voluntarias, persoas expertas na materia e moitas outras que poden achegar o seu traballo e a súa experiencia.
Acampa pola paz e o dereito a refuxio, como iniciativa sen fins de lucro, nútrese, fundamentalmente, do traballo voluntario de decenas de persoas especializadas que conforman os equipos de traballo, que achegan coa súa enerxía e coñecemento para sacar adiante este proxecto. Aínda así, necesitamos captar fondos que cubran as infraestruturas necesarias para chegar a moita xente e celebrar os actos por toda a cidade: as exposicións, os obradoiros, os encontros, conferencias, visitas guiadas, actividades infantís, e a infraestrutura necesaria para o simbólico campo de persoas refuxiadas.
Acampa non ten persoas asalariadas, nin medios propios. Os gastos cotiáns de funcionamento son cubertos polas persoas voluntarias que conformamos os equipos de traballo.
Acadamos fondos por diversas vías: as doazóns das persoas e organizacións que se suman á rede, as campañas de micro-mecenado, presentando o proxecto ás convocatorias que promoven as diferentes administracións para sensibilización, doazóns de empresas con responsabilidade social, achegas en especie que fan organizacións e empresas colaboradoras.
Os fondos recadados non compiten cos destinados ao traballo asistencial das organizacións que conforman a rede nin cos das que traballan sobre o terreo.
Acampa ten como obxectivo sermos capaces, entre todos e todas, de poñer en evidencia a enorme desprotección dos Estados diante do sufrimento das persoas que foxen dos conflitos que eses mesmos Estados provocan, e esta é unha tarefa que implica un enorme compromiso de persoas e organizacións. Desvelar esta evidencia precisa do traballo voluntario e tamén de recursos abondos para levar a cabo un evento unitario e realmente sonoro.