Prologo - VII Encontro ACAMPA 2023: Odio ou Convivencia
A dispersión debilítanos. Cando nos dividimos perdemos capacidade de reacción e cedémoslle espazo ao discurso de odio como unha forma de facer política que chega a toda a sociedade. O odio disfrazado de ideas simples —polo xeral falsas e fáciles de entender— cala axiña nesa parte da opinión pública que non está alerta ou que ten unha capacidade crítica limitada.
Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio naceu en 2016 cunha idea central: a unidade de acción de organizacións e persoas que observamos con tristeza, pero sen resignación, o retroceso dos Dereitos Humanos e o avance dunha intolerancia totalitarista que, con présa e sen pausa, vaise apoderando dos espazos de democracia, dos dereitos e das conquistas sociais e políticas.
O odio é poliédrico. Pode derivar de crenzas, prexuízos e violencias que sufrimos; de conflitos entre grupos, de problemas económicos; poden desatalo as desigualdades, a frustración por promesas políticas incumpridas. As razóns máis comúns do odio á vítima son a súa orixe, raza ou etnia; a súa relixión, idioma, postura política, orientación sexual; as súas discapacidades (físicas, mentais ou sensoriais)… O odio ten mil e unha facianas.
Mais é importante saber que ninguén nace odiando a ninguén pola cor da súa pel, pola súa orixe ou relixión, pola súa condición educativa, social, política ou económica. O odio é unha elaboración, unha resposta aprendida. Polo tanto, tamén podemos aprender a respectar, a amar, a vivir en harmonía co diferente. O respecto, a empatía, a solidariedade son valores imprescindibles que frean a aparición e proliferación de prexuízos como os que sustentan o fascismo ou distintas formas de violencia.
Os discursos de odio infíltranse no tecido social como rémoras da desconformidade ou da frustración social, a cabalo das fake news, das idolatrías ou das políticas públicas que segregan a parte da cidadanía.
Vivimos unha crise de múltiples identidades agravada por unha globalización falaz que rompeu vellas estruturas sen artellar contrapartidas para os seus damnificados e que beneficia un grupo moi reducido en detrimento de poboacións que viven na miseria por mor dun capitalismo global sen escrúpulos.
O odio hai que combatelo desde as bases. A escola debe ser o primeiro espazo de prevención porque desempeña un papel fundamental na comprensión e o respecto das diferenzas; é onde se aprende a detectar o efecto nocivo do odio e a violencia na forma de pensar e actuar; é onde se ensina que o odio mutila os Dereitos Humanos e a convivencia, cun efecto catastrófico para toda a sociedade.
Combater eficazmente o discurso do odio esixe que o poder público o atalle cunha lexislación severa, restrinxindo así o seu impacto persuasivo.
A paz é máis que a ausencia de guerra: é convivir coas nosas diferenzas —de sexo, raza, etnia, idioma, relixión, cultura…— promovendo o respecto á igualdade entre os seres humanos, a xustiza universal e a defensa activa e resiliente dos Dereitos Humanos dos que, en definitiva, depende esa convivencia.
O panorama mundial non é esperanzador. O discurso de odio salpica a realidade. Millóns de persoas migrantes deixan de ser vistas como seres humanos e transmútanse en “ameazas”; a extrema dereita berra, cada vez máis forte e máis libre, nas rúas de calquera país de Europa. As minorías, os diferentes, son cada vez máis perseguidos, máis discriminados. Os dereitos que tanto custou consolidar desaparecen. A mesma cidadanía, adormentada e temerosa, cede e renuncia a eles. A vulnerabilidade medra e, por se fose pouco, a intelixencia artificial chega para demostrar que o ser humano e os seus valores son realidades totalmente prescindibles. Fronte a todo isto, o único que non debe facer a cidadanía é calar. Cómpre lembrarmos sempre que a nosa forza máis poderosa é a unidade.
Acampa 2023.
Encontro On-line en directo
Acampa 2023 “ODIO OU CONVIVENCIA”


É unha iniciativa cidadá sen fins de lucro integrada por colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos, sindicais, artísticos, de persoas solidarias, de institucións e empresas con responsabilidade social.


Ten como obxectivo a defensa dos dereitos humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. Promove a participación e a implicación.


Abre un espazo de encontro para buscar respostas colectivamente. Profunda nas causas dos acontecementos, para contrastar a información.
Acampa 2022
A Coruña
do 9 a o11 de xuño de 2022
Acampa 2020
do 12 de novembro ao 14 de decembro de 2020
Acampa 2018
do 14 a o 16 de Xuño do 2018
Acampa 2021
A Coruña,
do 9 a o 11 de setembro de 2021
Acampa 2019
do 20 a o 22 de Xuño de 2019
Acampa 2017
do 15 a o 18 de Xuño de 2017
Calendario de actividade social na Coruña
Nada del 13 Febreiro, 2025 al 13 Agosto, 2025.

