Manifiesto: REFUXIADAS
Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio nace no ano 2016 co obxectivo claro de tecer unha rede: un movemento de organizacións, persoas e cidades que sumen as súas forzas para defender os dereitos humanos.
Xa van alá máis de setenta anos desde a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e, lamentablemente, estamos lonxe de lograr a súa aplicación universal, sobre todo cando falamos de mulleres e con especial gravidade se nos referimos a mulleres desprazadas ou refuxiadas.
Por decisión das organizacións que conformamos a rede Acampa, este ano poñemos o foco especialmente nas REFUXIADAS.
Desde o seu lugar de orixe, cada día, cada minuto, miles de mulleres vense obrigadas a desprazarse por diferentes motivos: guerra, raza, violencia sexual, fame, seca, falta de traballo, persecución política… Detrás, sempre a mesma causa: un sistema capitalista, patriarcal e agresivo, que estimula a acumulación de riqueza nunhas poucas mans e que transmite á sociedade esa dinámica perversa.
Todas as razóns para emprender o camiño son poderosas. Foxen desesperadas, desmoralizadas, agredidas. Coas familias, cos fillos e fillas; salvo que a viaxe sexa demasiado perigosa como para arriscar a vida dos seus seres máis queridos, entón viaxan soas.
Para todas as persoas desprazadas e sen grandes recursos, o camiño é difícil e perigoso. Para os máis de 32 millóns de mulleres desprazadas, moito máis. Mentres escribo este texto, elas continúan camiñando. Durante a súa viaxe están expostas a pasar fame, sede, esgotamento, a ser vítimas de agresións sexuais; carecen de atención médica, de anticonceptivos, de lugar seguro para parir os seus bebés, de intimidade, de hixiene.
Elas non son diferentes a calquera outra muller no mundo.
Mozas europeas que gozan de máis dereitos e apoio familiar tamén están obrigadas en moitas ocasións a desprazarse en busca dun traballo digno. Móvense polo mundo sen demasiados problemas e iso parécenos normal e un dereito indiscutible, como é lóxico. Pero se as desprazadas son pobres e cunha cor de pel diferente, os gobernos da Unión Europea péchanlles as portas, fanas invisibles e déixanas morrer no camiño ou no mar; violan o dereito internacional de socorro, impedíndolles aos barcos de organizacións que forman parte da rede Acampa —como Proactiva Open Arms ou o Aita Mari de Salvamento Marítimo Humanitario— partir para as súas misións de salvamento e realizaren voluntariamente o traballo que deberían facer os Estados.
As desprazadas sen recursos que conseguen chegar a un destino seguro sufrirán en moitos casos o rexeitamento, a xenofobia, agresións sexuais, explotación; enfrontaranse a unha sociedade polarizada e cunha opinión pública desconcertada e manipulada con tanta desinformación. As redes sociais, os grandes medios de comunicación e, especialmente, a televisión, controlados por corporacións financeiras e co apoio dos seus representantes parlamentarios, teñen unha gran responsabilidade na irrupción de opcións políticas de ideoloxía fascista e no retroceso democrático e dos dereitos humanos.
Pero esas mulleres tamén atoparán a solidariedade dunha gran parte da sociedade, consciente de que este planeta debe ser de todas as persoas que viven nel ou non será viable. Para iso construímos cada día Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio.
Acampa 2019
Programa Acampa Coruña 2019

É unha iniciativa cidadá sen fins de lucro integrada por colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos, sindicais, artísticos, de persoas solidarias, de institucións e empresas con responsabilidade social.

Ten como obxectivo a defensa dos dereitos humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. Promove a participación e a implicación.

Abre un espazo de encontro para buscar respostas colectivamente. Profunda nas causas dos acontecementos, para contrastar a información.
Podemos participar como expresión de compromiso coa paz e o dereito a refuxio.
Acampa 2019
Acampa 2018
Acampa 2017
Vindeiros eventos
Nada del 27 Abril, 2025 al 27 Outubro, 2025.

Quen pode participar?
¿Cómo podes participar activamente?
Error: No feed found.
Please go to the Instagram Feed settings page to create a feed.