Visita Guiada da Fotógrafa Hanna Jarzabek

dom18jun11:30 am11:30 am(GMT+02:00) Visita Guiada da Fotógrafa Hanna JarzabekXogo de Patriotas - A XunglaXardíns de Méndez Núñez

Detalles del evento

Asistencia libre o día da visita, ou ben podes reservar previamente no email: loxistica@redeacampa.org indicando: nome completo e teléfono.
Grazas.

 

XOGO DE PATRIOTAS

(Polonia, 2017)

“O más urxente en Polonia é reconstruír a identidade nacional. Afastámonos moito da relixión e do patriotismo. Cómpre volvermos ás raíces cristiás e desenvolvermos un comportamento máis comunitario. Occidente non pode impoñernos os seus valores.”

Szymon, segundo ano do programa militar

Nos últimos anos, as escolas públicas polacas desenvolveron “Clases de perfil militar”, un programa educativo no marco da materia “Educación para a seguridade”. O programa, considerado como unha “innovación pedagóxica”, está destinado a adolescentes de entre 16 e 19 anos. As actividades prácticas lévanse a cabo en colaboración con organizacións privadas paramilitares ou co exército polaco. O seu obxectivo é desenvolver habilidades militares entre a mocidade, pero moitos mestres e paramilitares apuntan a fortalecer a conciencia patriótica e relixiosa, tomando “Deus, Honor e Patria” como lema.

A maioría de adolescentes con que falei inscríbense neste programa porque senten preocupación polo seu futuro. Consideran o Exército, a Policía ou outros servizos públicos uniformados como o empregador máis seguro e esperan que estas clases lles axuden a conseguir un traballo. Outros consideran o curso unha aventura interesante ou séntense fascinados polo fasto militar. Que pensan cando rematan o programa?

Fixen a mesma pregunta na primeira e terceira clase (a derradeira) do programa: “Se puideses construír Polonia desde o principio, que sería o máis importante para ti?” Mentres que a maioría de estudantes de primeiro ano responderon “crear novos empregos”, a maioría dos de terceiro ano contestaron “reconstruír a identidade nacional”.

A XUNGLA

((Refuxiados non desexados no bosque de Białowieża), Polonia 2022/2023

Durante o ano pasado, Polonia acolleu 1,5 millóns de refuxiadas e refuxiados ucraínos e brindoulles a asistencia necesaria, incluídos permisos de traballo e residencia. Porén, a poucos quilómetros ao norte da fronteira con Belarús, as persoas refuxiadas, principalmente de Oriente Medio e África, enfróntanse a políticas extremadamente duras contra a inmigración.

Desde novembro de 2021, miles destas persoas refuxiadas tentan cruzar o bosque de Białowieża. Denominado por algúns refuxiados “A Xungla”, este é o derradeiro bosque primitivo que queda en Europa; un lugar perigoso e difícil de atravesar, especialmente para aqueles que non están familiarizados co duro clima do nordeste de Europa. Moitos refuxiados quedan atrapados durante longos períodos; alí enfróntanse a condicións extremas, falta de alimentos e auga e, no inverno, a un alto risco de morte por hipotermia. Se os gardas fronteirizos os atrapan, polo xeral son “devoltos á fronteira”, o que a miúdo implica retornalos ao lado belaruso pola noite, sen testemuñas e cos seus teléfonos destruídos.

O Goberno polaco criminaliza a axuda humanitaria nesta fronteira, etiquetando a quen a brinda como “idiotas e traidores”. A asistencia aos refuxiados faise de forma informal e as grandes organizacións humanitarias brillan pola súa ausencia.

A produción deste proxecto conta co apoio dunha subvención do fondo IJ4EU do Instituto Internacional de Prensa (IPI) e o Centro Europeo de Xornalismo (EJC).

Autor/a

Hanna Jarzabek

Hanna Jarzabek

Hanna Jarzabek (Brzeg/Polonia, 1976)

Entre 1996 e 2008 viviu en Xenebra, onde rematou o Máster en Ciencias Políticas e traballou como analista-politicóloga, elaborando informes sobre as persoas refuxiadas para axencias da ONU como UNRWA, OCHA, CNUCED. Establecida desde 2008 en España, combina o seu traballo como fotógrafa documental e fotoxornalista autónoma coa docencia no Centro Internacional de Fotografía e Cine EFTI (Madrid). As súas reportaxes foron publicadas en El País, XL Semanal, BuzzFeed News, L’Obs, Equal Times, revista 5W, El Periódico, revista 7k e Polityka, entre outros.

Gañou varios premios, entre os que destacan: a selección á Leica Oskar Barnack Award 2023, XX Premio Fotografía Universidad de Murcia 2021 e o Terceiro Premio de POY Latam 2015 (México). Recibiu a Mención de Honor de Marylin Stafford Fotoreportage Award (Reino Unido, 2021) e foi seleccionada entre os Futures Talents 2020 no programa Futures Photography UE. Foi galardoada coa bolsa do IJ4EU Freelancer Support Scheme, Investigative Journalism For Europe & European Journalism Centre (Países Baixos, 2022), Bolsa S.O.S. Arte/Cultura VEGAP 2021, Bolsa do European Journalism Center (2020) e Bolsa do Programa Crisálida Signo Editores (2019), entre outros. Finalista do Grand Press Photo Polonia 2019; de CROSS VIDEO DAYS (París, 2014) e da 19ª FotoPres la Caixa (2013), entre outros.

Hora

18 junio, 2023 11:30 am(GMT+02:00)

Localización

Xardíns de Méndez Núñez

Other Events

Enviar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Acampa - Pola paz e o dereito a refuxio
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacenase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender qué seccións da web atopas máis interesantes e uteis.