xuño, 2022

09xunTodo o día07xulJuan Carlos Tomasi (MSF)A memoria do esquecemento(Todo o día) Xardíns de Méndez Núñez

Detalles do evento

A memoria do esquecemento

Co gallo do 50 aniversario de Médicos Sen Fronteiras (MSF), publicouse o libro La memoria del olvido: una historia gráfica de Médicos Sin Fronteras (Ed. Blume), que repasa a traxectoria de Juan Carlos Tomasi como fotógrafo de cabeceira desta organización desde hai case tres décadas. Baseada no libro, esta exposición aborda como a falta de auga nalgunhas partes do Sahel –unha franxa africana de 5000 quilómetros de longura– e a ausencia de colleitas nas zonas en conflito disparan a desnutrición, e narra as consecuencias que todo isto ten nos nenos e as súas familias.

Ningunha epidemia, ningunha guerra, nin a máis letal das enfermidades: nada influíu máis que a fame na historia da Humanidade. En todo o mundo, miles de nenos sofren por culpa das políticas que protexen o prezo do gran nos mercados, pola falta de chuvia e auga e polo cambio climático.

No Sahel, a desnutrición aguda e a malaria son dúas enfermidades que conviven na estación da fame, a chamada soudure. É un período de escaseza que comeza en xuño, coa chegada do verán, cando os celeiros das familias empezan a baleirarse: o gran da colleita anterior esgótase e a nova aínda está por coller. Neses meses non hai nada que comer: a pantasma da fame axexa e os centros nutricionais empezan a ateigarse de cativos. Case ao tempo, as chuvias dan en caer copiosamente e, canda elas, chegan as inundacións. A auga estancada é un lugar idóneo para que se reproduza o mosquito que propaga a malaria. A combinación de paludismo e desnutrición é letal, e é a principal causa de mortalidade en menores de 5 anos.

Organizacións internacionais como MSF traballan desde hai anos para responder a estas crises crónicas e para reducir a morbilidade e a mortalidade infantil.

Máis

Autor

Juan Carlos Tomasi
(Médicos Sin Fronteras)

Juan Carlos Tomasi

(1959) Xornalista e fotógrafo. Barcelonés, nado en Madrid.

A súa cámara retratou unha ampla gama de escenarios e momentos históricos en todo o mundo. Desde os desprazados da República Democrática do Congo e Ruanda ata as vítimas da guerra dos Balcáns; desde numerosos desastres naturais ata as súas coberturas humanitarias en grandes epidemias, tratou de buscar o outro lado da información diaria: historias de vida que dignificasen e desen o protagonismo ás vítimas.

Comezou como xornalista deportivo e cubriu os Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992. Pero deulle un xiro radical á súa carreira e centrouse na cobertura de conflitos e no xornalismo humanitario. Foi produtor e realizador para varios medios internacionais.

Desde 1995, é fotógrafo e reporteiro da organización humanitaria internacional Médicos Sen Fronteiras. A mirada de Tomasi contribuíu a lle achegar ao público case todos os conflitos esquecidos do mundo dos últimos vinte e cinco anos.

Traballou para medios como El País, La Vanguardia, El Periódico ou The Independent. Tamén colabora con outras organizacións de axuda internacional para difundir as consecuencias dos desastres humanitarios e do cambio climático. Ten publicados varios libros e exhibiu o seu traballo en moitas cidades do mundo, entre elas, Lisboa, Londres, Madrid, Casablanca, Atenas, Roma, Moscova, Pristina, Barcelona, Buenos Aires, Bogotá ou Melbourne.

Hora

Xuño 9 (Xoves) - Xullo 7 (Xoves)

Localización

Xardíns de Méndez Núñez

Enviar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará

X