Entrega Recoñecemento Acampa á defensa dos Dereitos Humanos 2022

sab11xuñ13:0013:00(GMT+02:00) Entrega Recoñecemento Acampa á defensa dos Dereitos Humanos 2022Presenta:Carpa central

Detalles do evento

II Recoñecemento Internacional á Defensa dos Dereitos Humanos Acampa 2022

Ca-minado Fronteras

O II Recoñecemento Internacional Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos na súa segunda edición e na categoría internacional recibirao a ONG española Ca-minando Fronteras. Esta organización traballa desde o ano 2002 na asistencia e defensa dos dereitos das persoas migrantes que tentan chegar a España a través da fronteira sur (rutas migratorios de Alborán, Alxeria, Estreito e Canarias).

Esta ONG ofrece asistencia telefónica ás persoas que arriscan as súas vidas nese tránsito, a miúdo en embarcacións que nin sequera son aptas para navegar. Para iso dispón dun teléfono de alertas as 24 horas do día, os 365 días do ano. Cando recibe calquera chamada de socorro, ben das propias persoas en risco ou de familiares ou amigos, contrastan a súa veracidade e alertan as autoridades marítimas de España, Marrocos ou Alxeria co fin de propiciar o rescate. Este sistema de alertas conseguiu salvar máis de 100 000 vidas.

Ca-minando Fronteras tamén presta apoio legal, social e sanitario ás persoas desprazadas e colabora coas familias na identificación das desaparecidas e falecidas, un proceso que os Estados non realizan. Tamén documentan os abusos. Os seus informes anuais son unha radiografía da necropolítica migratoria que cada ano provoca miles de mortes de persoas de países de todo o mundo, fundamentalmente africanas, no seu intento de chegaren ao noso país.

O traballo de Ca-minando Fronteras incomoda as autoridades dos países implicados. A súa fundadora, a xornalista e escritora Helena Maleno, sufriu ao longo destes anos numerosas violencias para tentar disuadila do seu traballo: intentos de asasinato, agresións físicas ou montaxes policiais. Un acoso e persecución que sofren cada vez máis as e os activistas e organizacións que defenden os dereitos das persoas migrantes e refuxiadas. Esta criminalización estendeuse como a pólvora por todas as fronteiras.

Será, María González, responsable do Eixo Dereito á Vida de Ca-minado Fronteras, quen recolla o recoñecemento na Coruña durante a celebración do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio 2022 que se celebrará o 9,10 e 11 de xuño.

 


II Recoñecemento Local (Galicia)
á Defensa dos Dereitos Humanos Acampa 2022

Ecodesarrollo Gaia

A destinataria do II Recoñecemento Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos na súa categoría Local (Galicia) é a ONG coruñesa Ecodesarrollo Gaia e, polo tanto, o seu impulsor, o activista coruñés Guillermo Fernández Obanza, Mito, con décadas de traballo ás súas costas na defensa de causas como a ecoloxía, a axuda humanitaria e a solidariedade entre os pobos.

Ecodesarrollo Gaia leva traballando desde 1992. Un dos seus primeiros proxectos foi a formación de pescadores inmigrantes residentes en Galicia para traballar en barcos pesqueiros españois e europeos. A maioría eran do Senegal, país co que a oenegué leva case dúas décadas tecendo proxectos de colaboración como a Escola Coruña, en Yoff-Tonghor, unha aldea de pescadores do norte de Dakar, onde reciben formación nenos, mulleres e mozos e mozas.

Ecodesarrollo Gaia é promotora, tamén, do programa sanitario “Coruña Cura”, que desde o ano 2007 leva persoal médico e medicamentos ao centro da citada cidade senegalesa. É un programa de atención médico-sanitaria dirixido prioritariamente aos nenos e mulleres de Yoff, que durante uns días transforma a Escola Coruña nun ambulatorio de campaña. Desde o ano 2018, grazas a un convenio coa Fundación Multiópticas e a ONG Solidariedade Galega, o programa inclúe tamén atención oftalmolóxica unha vez ao ano. Ademais, en Galicia, Ecodesarrollo Gaia ofrece, desde a súa sede na Coruña, asistencia á poboación senegalesa que chega á cidade, prestándolle acollida inicial, atención sanitaria, acompañamento e asesoramento nos trámites con Estranxeiría ou axuda e formación para a procura de emprego.

O seu máximo representante, Guillermo Fernández-Obanza (Mito) será quen recolla o recoñecemento na Coruña durante a celebración do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio 2022 que se celebrará o 9,10 e 11 de xuño.

Máis

Hora

(Sábado) 13:00(GMT+02:00)

Localización

Carpa central

Enviar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *